Mobles Hermida é unha das dez primeiras fábricas de mobles para o fogar da Península Ibérica e a primeira industria do concello de Lourenzá. Don Ángel Hermida Seivane, fillo predilecto da Vila, é un exemplo de emprendedor local que soubo ver as oportunidades e, sobre todo aproveitalas.
Fillo de ebanista, en 1955 faise cargo do taller que seu pai fundara alá polo 1915, pero percibe a oportunidade de ampliar e mecanizar o seu negocio coa finalidade de fabricar unha ampla gama de mobles para tendas, deixando atrás a elaboración de pezas soltas para clientes (cadeiras, mesas, camas...); deste xeito, decide dar o salto.
Pódese dicir que a ruptura entre o “artesanal” e o industrial se da a raíz da súa asistencia á feira do moble de Hannover no 1965, onde descubre o xeito de desenvolver o seu proxecto; dende entón, foi medrando ata a actualidade, pois recentemente acábanse de construír as novas instalacións da fábrica, que contan con 20.000m2 cubertos e 60.000m2 de parcela, así coma coa maquinaria e tecnoloxía máis punteira do sector.
Mobles Hermida da traballo directo a 240 persoas, tendo un profundo caracter familiar, primeiro porque Don Ángel Hermida conta na súa empresa co traballo de fillos e fillos políticos e, segundo, porque emprega a varias xeracións de familias laurentinas.
Aínda que nun principio non se centrou no mercado nacional, agora este é o seu máximo referente, traballa á demanda para tendas de todo o país e conta con outra planta de fabricación en Ourense.
Na distendida conversa que puiden manter con el non me desvelou o segredo do seu éxito, pero a inquietude, o espírito de superación, a ansia e o traballo, así como o feito de desenvolver a súa actividade na súa terra e entre a súa xente poden ser “culpables” da posición que Mobles Hermida ten dentro do panorama español.
martes, 13 de abril de 2010
Suscribirse a:
Entradas (Atom)