Antes de nada dicir que, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, a superficie destinada a monte, no ano 1999, era de máis do 50% do total de hectáreas correspondentes a explotacións agrícolas, o que indica a importancia do mesmo. Previsiblemente esta porcentaxe tende a incrementarse polo progresivo abandono da agricultura e a gandería, xa que moitos dos espazos roturados antano foron repoboados nos últimos anos; sen embargo, non existen datos recentes que o confirmen.
Se prestamos atención ao volume de ocupados por sectores económicos, son os servizos os que presentan unha maior porcentaxe (37.3%), seguidos da agricultura (27.2%) e a industria (22.2%), a cal presenta unha cifra moi próxima e que se debe, fundamentalmente, a importancia da industria madeireira.
O concello conta con empresas que completan todo o ciclo de produción da madeira, dende a tala ata a súa conversión en mobles e outros útiles de madeira. Por unha banda, existen unhas 11 industrias da madeira destinadas ao serrado, cepillado, preparación industrial, á fabricación de estruturas e pezas para a construción e á fabricación de outras pezas; pola outra, hai tres fábricas de mobles, entre as que destaca Mobles Hermida S.A., pois é a empresa cun maior número de traballadores do concello -240 asalariados-. Tamén salientan os empresarios que compran e talan a madeira que logo se transformará na industria.
A abundancia e riqueza forestal da zona fai que se trate dun sector tradicional, pois a orixe de moitas desas empresas remóntase aos comezos do século XX, o que nos leva a afirmar que se trata dunha actividade que reforza o desenvolvemento local a través Saber-facer exposto en entradas anteriores.
Se a nivel municipal se trata dunha actividade fundamental, no eido autonómico está presente no Cluster da Madeira de Galicia, presidido por un empresario laurentino, e, como proba da súa relevancia, o Centro Tecnolóxico da Madeira ten previsto abrir unha oficina en Lourenzá.