A Lourenzá do novo século





“O progreso e o desenvolvemento son imposibles se un segue a facer as cousas tal e como sempre as fixo” Wayne Dyer

“Se a información e o coñecemento son centrais para a democracia, son condicións para o desenvolvemento” Kofi Annan

martes, 13 de abril de 2010

Don Ángel Hermida: historia dunha fábrica de mobles

Mobles Hermida é unha das dez primeiras fábricas de mobles para o fogar da Península Ibérica e a primeira industria do concello de Lourenzá. Don Ángel Hermida Seivane, fillo predilecto da Vila, é un exemplo de emprendedor local que soubo ver as oportunidades e, sobre todo aproveitalas.
Fillo de ebanista, en 1955 faise cargo do taller que seu pai fundara alá polo 1915, pero percibe a oportunidade de ampliar e mecanizar o seu negocio coa finalidade de fabricar unha ampla gama de mobles para tendas, deixando atrás a elaboración de pezas soltas para clientes (cadeiras, mesas, camas...); deste xeito, decide dar o salto.
Pódese dicir que a ruptura entre o “artesanal” e o industrial se da a raíz da súa asistencia á feira do moble de Hannover no 1965, onde descubre o xeito de desenvolver o seu proxecto; dende entón, foi medrando ata a actualidade, pois recentemente acábanse de construír as novas instalacións da fábrica, que contan con 20.000m2 cubertos e 60.000m2 de parcela, así coma coa maquinaria e tecnoloxía máis punteira do sector.
Mobles Hermida da traballo directo a 240 persoas, tendo un profundo caracter familiar, primeiro porque Don Ángel Hermida conta na súa empresa co traballo de fillos e fillos políticos e, segundo, porque emprega a varias xeracións de familias laurentinas.
Aínda que nun principio non se centrou no mercado nacional, agora este é o seu máximo referente, traballa á demanda para tendas de todo o país e conta con outra planta de fabricación en Ourense.
Na distendida conversa que puiden manter con el non me desvelou o segredo do seu éxito, pero a inquietude, o espírito de superación, a ansia e o traballo, así como o feito de desenvolver a súa actividade na súa terra e entre a súa xente poden ser “culpables” da posición que Mobles Hermida ten dentro do panorama español.

2 comentarios:

  1. Entón mobles Hermida podería ser a semente dun IKEA na Mariña de Lugo? que lle faría falta para isto? se vende en toda España será por algo; por prezos baixos? ou por calidade? cal é o peso da industria auxiliar do moble en Lurenzá e na Mariña? que se podería facer para promover a innoación ao respecto? parabéns polo blog, moi, moi interesante!

    Carlos Ferrás

    ResponderEliminar
  2. IKEA e Mobles Hermida atenden diferentes sectores da demanda, polo que non é posible establer unha similitude entre elas, de tal xeito que non se pode considerar que a empresa laurentina poida chegar a converterse no IKEA da Mariña.
    Mobles Hermida baséase nunha política de produción diferenciada por calidade e deseño personalizado, que se vende por encargo a través de catalogos distribuídos por tendas de mobles. Este feito esconde unha capacidade loxísta que,noutra escala, si é comparable ó funcionamento "Just in time" da multinacional: "Produce os elementos que se precisan, nas cantidades que se precisan e no momento que se precisan".
    En entradas anteriores vimos a importancia do sector da madeira no municipio; sen embargo, Mobles Hermida non apoia ningunha fase da súa produción na industria ou sectores locais, unicamente xera emprego; polo que non existe unha cadea produtiva do moble na Mariña.
    A innovación técnica e tecnolóxica é importante, pero neste caso habería que fomentar o contacto entre empresarios comarcais para establecer redes de colaboración industriais que consolidasen a estrutura económica da zona.

    ResponderEliminar