A Lourenzá do novo século





“O progreso e o desenvolvemento son imposibles se un segue a facer as cousas tal e como sempre as fixo” Wayne Dyer

“Se a información e o coñecemento son centrais para a democracia, son condicións para o desenvolvemento” Kofi Annan

jueves, 4 de marzo de 2010

A importancia do sector da madeira

Na entrada anterior presentouse unha visión xeral do concello de Lourenzá, agora, dada a importancia que o sector representa a nivel municipal, faremos referencia á industria da madeira.

Antes de nada dicir que, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, a superficie destinada a monte, no ano 1999, era de máis do 50% do total de hectáreas correspondentes a explotacións agrícolas, o que indica a importancia do mesmo. Previsiblemente esta porcentaxe tende a incrementarse polo progresivo abandono da agricultura e a gandería, xa que moitos dos espazos roturados antano foron repoboados nos últimos anos; sen embargo, non existen datos recentes que o confirmen.

Se prestamos atención ao volume de ocupados por sectores económicos, son os servizos os que presentan unha maior porcentaxe (37.3%), seguidos da agricultura (27.2%) e a industria (22.2%), a cal presenta unha cifra moi próxima e que se debe, fundamentalmente, a importancia da industria madeireira.

O concello conta con empresas que completan todo o ciclo de produción da madeira, dende a tala ata a súa conversión en mobles e outros útiles de madeira. Por unha banda, existen unhas 11 industrias da madeira destinadas ao serrado, cepillado, preparación industrial, á fabricación de estruturas e pezas para a construción e á fabricación de outras pezas; pola outra, hai tres fábricas de mobles, entre as que destaca Mobles Hermida S.A., pois é a empresa cun maior número de traballadores do concello -240 asalariados-. Tamén salientan os empresarios que compran e talan a madeira que logo se transformará na industria.

A abundancia e riqueza forestal da zona fai que se trate dun sector tradicional, pois a orixe de moitas desas empresas remóntase aos comezos do século XX, o que nos leva a afirmar que se trata dunha actividade que reforza o desenvolvemento local a través Saber-facer exposto en entradas anteriores.

Se a nivel municipal se trata dunha actividade fundamental, no eido autonómico está presente no Cluster da Madeira de Galicia, presidido por un empresario laurentino, e, como proba da súa relevancia, o Centro Tecnolóxico da Madeira ten previsto abrir unha oficina en Lourenzá.

3 comentarios:

  1. Tendo en conta determinados matices, hai que dicir que Lourenzá ten unha porcentaxe de ocupados bastante similar en cada un dos tres sectores económicos, o que, a priori, reflexa unha diversificación,pero...pode este feito favorecer un maior número de oportunidades furutas?

    ResponderEliminar
  2. Creo que a dependencia dun sector específico, coma neste caso é a madeira, pode provocar que a economía local se vexa anclada á demanda de tal materia prima, aínda que tamén o encadeamento productivo derivado de tal especialización pode levar ó desenvolvemento da rexión, sempre que se cumpran as condicións medioambientais e ecolóxicas mínimas para non perxudicar ó territorio. Con respecto a diversificación, non creo que neste caso se poida falar de diversificación coma tal, xa que teríamos que analizar o concepto tendo en conta os tipos de productos que neste caso se mencionan, principalmente mobles, e os diferentes tipos de traballo que hai en Lourenzá. Polo tanto, poderíamos falar dunha especie de equilibrio entre sectores, vendo a porcentaxe de ocupados en cada un deles, pero non creo que se poída falar dunha diversificación tal e coma eu a vexo.

    ResponderEliminar
  3. Segundo Francisco ALBURQUERQUE (Instituto de Economía e Xeografía-Consello Superior de Investigacións Científicas) "A estratexia de desenvolvemento económico local debe buscar, esencialmente, a diversificación do sistema produtivo e a creación de novas empresas e emprego no territorio, a partir dunha valorización maior dos recursos endóxenos e o aproveitamento das oportunidades de dinamismo externo existentes."
    Revisando con atención os datos, pódemos ver que Lourenzá non ten dependencia do sector madeireiro, posto que a primeira actividade do concello son os servizos e a segunda a agricultura, seguida da industria -non só a dedicada á transformación madeireira, senón tamén outras coma a extrativa-; neste senso é posible falar de economía diversificada, porque non se basa nun só sector, senón en diversas actividades, tendo todas un certo protagonismo.
    Por outra banda, personalmente creo que falar de equilibrio entre sectores é algo matizable, xa que todos teñen importancia, pero non a mesma e tampouco considero que se compensen entre eles para conseguir un equilibrio económico.

    ResponderEliminar