A Lourenzá do novo século





“O progreso e o desenvolvemento son imposibles se un segue a facer as cousas tal e como sempre as fixo” Wayne Dyer

“Se a información e o coñecemento son centrais para a democracia, son condicións para o desenvolvemento” Kofi Annan

jueves, 25 de febrero de 2010

Breve caracterización do Concello de Lourenzá

MEDIO FÍSICO
O Concello de Lourenzá, cunha superficie de 62,6 km2, sitúase ó nor-leste de Galicia, no Norte da provincia de Lugo e pertence á Mariña Central. Mapa 1

Topograficamente, caraterízase pola amplitude do seu val, de dirección SSE-NNO, o cal está rodeado de montañas de entre os 600 e os 700 metros.

Climaticamente, encádrase no dominio oceánico húmido, caracterizándose pola suavidade térmica, con temperaturas medias anuais en torno ós 13ºC, e unha alta humidade ambiental, con precipitacións entre 1.300 e 1.500mm. anuais.

MEDIO HUMANO
Demografía

Demograficamente, tal e como se pode ver no gráfico 1, Lourenzá caracterízase por unha continua perda de poboación que se remonta ós comezos do século XX e que segue nos nosos días, perdendo en pouco máis de cen anos a metade dos seus efectivos, pasando de 5.105 habitantes no ano1900 a 2.569 no ano 2008, tendo na actualidade unha densidade de poboación do 41, 04 hab./km2.


Para ter unha imaxe algo máis clara das características demográficas deste municipio é preciso observar os indicadores que se presentan na táboa 1, e que, fundamentalmente, poñen de manifesto o forte envellecemento que está sufrindo Lourenzá, así como o destacado saldo vexetativo de signo negativo.



Poderíase pensar que o saldo vexetativo negativo é algo propio xa do século XXI ou, todo máis, de finais do XX; sen embargo, este fenómeno vense dando dende 1975 como mínimo, pois carecemos de datos anteriores para esta variable. Gráfico 2


Por outra banda, o saldo migratorio do ano 2008, para o que o dato da táboa 1 é cero, cabe analizalo algo máis polo miúdo, pois o balance foi de 79 emigrantes e outros tantos inmigrantes, o que indica que estamos ante un concello migratoriamente dinámico; ademais, se nos fixamos no gráfico 3, vemos que a evolución deste indicador foi moi variable ó longo da derradeira década do século XX e da primeira do XXI e, de dispor de datos anteriores, seguramente seguirían un patrón de comportamento similar, a non ser en momentos históricos puntuais, primeiro caracterizados pola emigración masiva a América e, máis tarde, polos fluxos cara Europa Central.


Socioeconomía
Á espera de datos máis recentes e partindo dos indicadores do 2001, podemos ver que a taxa de actividade non chega ó 50%, sendo maior en homes que en mulleres, ó igual que lle pasa á taxa de paro, que ten unha porcentaxe do 6,8%. Táboa 2

Ata a entrada de España na Unión Europea e a consecuente adopción da normativa da Política Agraria Común, Lourenzá era un municipio fundamentalmente gandeiro, con agricultura especializada en cultivos para o gando, e que comezaba a modernizarse, pero, pouco a pouco, as perspectivas depositadas no sector primario fóronse truncando, deixando paso a unha economía máis terciarizada.

No ano 2001, a maior porcentaxe de ocupados rexistrábana os servizos cun 37,3%; sen embargo, a agricultura aínda ocupaba o segundo lugar cun 27,7%, seguida da industria e a construción. Táboa2

A alta porcentaxe de ocupados que no ano 2001 conserva a agricultura débese a dúas razóns fundamentais. A primeira trátase dun proceso de adaptación, xa que as grandes explotacións gandeiras que conseguiron modernizarse e mecanizarse, facéndose competitivas, de momento, foron quen de superar os atrancos impostos pola P.A.C.; a segunda, trátase máis ben dun proceso de transformación, pois todas aquelas explotación tradicionais tiveron que abandonar a gandería e buscar unha nova forma de aproveitamento da terra, neste caso a faba.

O papel da muller destaca nos servizos, onde se dedica fundamentalmente á atención social e ó pequeno comercio, pero é na agricultura de hoxe onde se fai imprescindible. Se ben as explotacións gandeiras especializadas na produción láctea están encabezadas por varóns, as mulleres están á fronte das agrícolas produtoras de fabas.

Tanto a industria coma construción, son sectores masculinos por excelencia. Dentro do primeiro destacan os serradoiros, a fabricación de mobles e a industria extractiva, sendo nesta última onde se coloca, maiormente, a man de obra inmigrante, posto que as mulleres chegadas de fora son poucas e non sempre forman parte da poboación activa.
Noutro senso, hai que mencionar o turismo de paso, atraído polo Camiño de Santiago, a Ruta Pardo de Cela, o Mosteiro de San Salvador e outras representacións de arquitectura civil coma o Pazo de Tovar, pero tamén cabe salientar o auxe do turismo rural, máis relacionado coa paisaxe e a tranquilidade da zona, así coma coa proximidade ás praias mariñáns.
A sona que cobrou a Faba de Lourenzá e, sobre todo, a Festa da Faba, puxeron en marcha iniciativas municipais como a da “Ruta da Faba”, que transcorre por entre o val no que se cultiva esta leguminosa e onde os visitantes se poden achegar ás casas dos particulares a adquirir fabas; ademais, tamén se abriu un Centro de Interpretación da Faba, este con financiamento europeo, destinado á promoción do concello e da leguminosa.

viernes, 19 de febrero de 2010

A Sociedade Rede, Manuel Castells

A Sociedade Rede é 1º volumen da triloxía A Era da Información do sociólogo Manuel Castells, a cal da conta dos efectos fundamentais da tecnoloxía da información no mundo contemporáneo.
Coa finalidade de analizar os efectos sociais das tecnoloxías da información, Castells fai un percorrido polos comezos e avances das novas tecnoloxías dende a súa orixe, alá pola década dos anos 70 do século XX.
Tomando como referencia a definición de tecnoloxía como “o uso do coñecemento científico para especificar xeitos de facer cousas de maneira reproducible” destácanse diferentes áreas no que ao campo das tecnoloxías da información e refire: a microelectrónica, a informática, as telecomunicacións/televisión/radio/optoelectrónica e a enxeñería xenética; todas elas crean un campo tecnolóxico onde a información se xera, almacena, recobra e transmite, ó tempo que levan á creación de Internet, considerado hoxe como o medio tecnolóxico máis revolucionario na Era da Información.
As principais características desta revolución son a rapidez coa que se difunde por todo o mundo e a aplicación do coñecemento nun círculo de retroalimentación acumulativa, onde o home pode ser usuario e creador ó mesmo tempo, o que implica que o papel social do home se reformule, xa non é só un elemento da cadea de produción, senón que vai ser capaz de producir por el mesmo.
Un aspecto salientable da tecnoloxía da información é que non chega de igual xeito a tódalas áreas do mundo, xa que a súa difusión é selectiva, o que da lugar a desigualdade social, tanto internacional como local.
Segundo Castells, a partir de 1970 as sociedades convértense en post-industriais e prodúcese unha reestructuración económica e tecnolóxica que conleva unha reducción do emprego industrial en todos os países, aínda que desigualmente; deste xeito, serán os países capitalista máis desenvoltos os que rexistren unha maior taxa de emprego baseado no procesamento da información.
Por outra banda, está a preocupación polo desemprego ante a automatización das novas tecnoloxías; sen embargo, son os países máis informacionalizados como Estados Unidos ou Xapón, os que teñen unha menor taxa de desemprego e unha maior creación de postos laborais nas últimas décadas en comparación con países europeos, sendo no sector servicios onde máis aumentou o emprego. En relación a esto, destaca o feito de que a sociedade informacional non destrúe emprego senón que despraza traballadores a outros sectores e crea postos máis flexibles, ó tempo que rompe cos modelos tradicionais de emprego; polo tanto, Castells atribúe as altas taxas de desemprego a factores como as políticas económicas e a estructura institucional de cada país, así como á incorporación masiva da muller ó mundo laboral nos últimos 30 anos.
Noutra orde de cousas atopamos do termo de “cidade global”. Esta designación non se refire a un lugar concreto, senón a un proceso, onde centros de produción e consumo de servicios avanzados e as súas sociedades locais se conectan nunha rede global que depende dos fluxos de información.
Tendo en conta o anterior, existe unha organización xerárquica ó redor dos principais centros que manteñen o poder informacional: Nova York, Londres e Tokio; a partir de aí repártense distintos centros importantes en distinta áreas e de caracter máis rexional ou local.
O proceso de produción establécese en diferentes emplezamentos, manténdose unido polas conexións de telecomunicacións, e require man de obra específica, polo que na localización do espacio industrial téñense en conta factores económicos e sociais. Neste senso, obsérvase unha descentralización da produción, producíndose unha rutura entre proximidade espacial e realización de actividades cotidianas; sen embargo, segundo Castells, esto non conlevaría á desapariación das cidades, senón á transformación urbana de cada unha delas, en función dos eu contexto histórico-social e cultural. Coa sociedade informacional non só cambia o traballo na súa dimensión xeográfica, senón tamén dende o punto de vista espacial, aquí é destacable o papel do teletraballo.
A xeito de resumo, o que A Sociedade Rede plantexa é unha reestructuración social en tódolos seus ámbitos, xerada polo xurdimento das novas tecnoloxías que transforman o xeito de vida existente ata a actualidade a un ritmo nunca visto.

Finalmente, cabe salientar o que se pode extraer do texto de Castells en relación ó concello de Lourenzá. Posiblemente, a idea máis relevante sexa a da “desigualdade” xerada por unha difusión selectiva da tecnoloxía, posto que este municipio se destaca polo seu caracter rural, o envellecemento poboacional e o afastamento dun centro importante, o que supón desvantaxe á hora de sumarse á Era da Información e retrasa a reestructuración social a tódolos niveis.