A Lourenzá do novo século





“O progreso e o desenvolvemento son imposibles se un segue a facer as cousas tal e como sempre as fixo” Wayne Dyer

“Se a información e o coñecemento son centrais para a democracia, son condicións para o desenvolvemento” Kofi Annan

viernes, 12 de marzo de 2010

A secuencia histórica da Revolución da Tecnoloxía da Información en A sociedade rede de Manuel Castells

Cando falamos da historia da Revolución Tecnolóxica da información, hai que ter en conta que, dado a aceleración do seu ritmo, calquera relato ao respecto queda obsoleto de inmediato.

Apesares de que hai precedentes antes do 1940, os principais avances tecnolóxicos datan da Segunda Guerra Mundial e do período subseguinte. Desta época son o primeiro ordenador programable e o transistor, verdadeiro núcleo da revolución tecnolóxica da información no século XX, aínda que a súa difusión de xeito amplo non terá lugar ata a década dos setenta.

As etapas históricas das tecnoloxías, baseadas na electrónica, divídense en tres campos: a microelectrónica, os ordenadores e as telecomunicacións. Se repasamos as datas e os avances concretos, pódese dicir que a orixe de todo está na invención do transistor no 1947 Un paso decisivo na microelectrónica deuse co circuíto integrado no 1957, pero a difusión da mesma de xeito xeneralizado daríase no 1971 co microprocesador.

Os ordenadores aparecen no 1946, pero a primeira versión comercial non chegaría ata 1951 A aparición do microprocesador no 1971 cambiará o mundo, xa que dará lugar ao ordenador persoal, ao que seguiría o xurdimento do software. Dende a década dos oitenta os microordenadores actúan en rede, o que cambiou o sistema tecnolóxico e as súas interaccións sociais e organizativas; por outra banda, as telecomunicacións tamén sufriron a revolución derivada da combinación das tecnoloxías de “nodos” e dos novos enlaces. Ademais, os avances na optoelectrónica e na tecnoloxía da transmisión de paquetes dixitais ampliaron a capacidade das liñas de transmisión, converténdose na base para Internet.

A universalidade da linguaxe dixital e a lóxica reticular do sistema de comunicación crearon as condicións tecnolóxicas para unha comunicación horizontal, global; de tal xeito que a primeira rede de ordenadores comezou as comunicacións no 1969, pero a rede de redes non aparecería ata a décadas dos oitenta. Inicialmente de carácter público, Internet privatizaríase no 1995, o que lle outorgaba unha clara independencia.

Outros avances decisivos foron, por exemplo a comunicación por correo electrónico, a invención do modem (1978), o primeiro navegador fiable (1994), a transmisión de datos vía teléfono móbil (1997), o desenvolvemento da enxeñería xenética a partir dos anos noventa, etc.

Finalmente, cabe salientar que a revolución tecnolóxica dos anos setenta atendeu aos avances das dúas décadas anteriores e baixo a influencia de determinados factores institucionais, económicos e culturais, polo que non xurde dunha demanda preestablecida. A súa indución foi tecnolóxica, non social.

Links relacionados
Sobre a importancia de internet na educación:
http://www.solociencia.com/informatica/influencia-internet-sociedad-actual-educacion.htm
Sobre o papel da terapia xenética:
http://www.terapiagenica.es/

viernes, 5 de marzo de 2010

Ciencia social e análise económico: estudos en homenaxe ao profesor Valentín Andrés Álvarez, 1978

Dentro deste libro, só imos falar de dous capítulos: De cómo deixei de ser Homo oeconomicus e A teoría da dependencia e o desenvolvemento rexional, pero antes convén aclarar o concepto de “Homo oeconomicus”.

O Homo oeconomicus é unha representación imaxinaria do ser humano, segundo a cal este se comportaría de xeito perfectamente racional ante estímulos económicos. As críticas que recibe o uso desta modelización por irreal, fan referencia a que o ser humano non se comporta de xeito absolutamente racional, polo que, segundo este razoamento, os modelos económicos non serían capaces de explicar e predicir o comportamento da economía.

Este concepto é empregado pola escola neoclásica, a cal ofrece un enfoque económico baseado na análise marxinalista ou da utilidade marxinal –utilidade ou satisfacción que brinda a un axente económico un ben por cada dose adicional que este consuma- e no equilibrio da oferta e demanda; é dicir, no mercado.

O autor presenta unha visión crítica co feito de que se lle deixe o poder ao mercado, ao que tacha de corruptor, e se lle cedan as decisións ao diñeiro; en definitiva, pon en dúbida o sistema capitalista e presenta ao socialismo como unha oportunidade para o desenvolvemento.

No que o subdesenvolvemento se refire, culpa aos países desenvolvidos de cementar o seu progreso sobre a pobreza allea, a través dunha periferia dependente do centro; ademais, destaca que esa estrutura tamén se da no interior dos países, entre rexións do “mundo rico”, tratándose de casos máis complexos, posto que non contan co efecto fronteira do que se poden valer os países en vías de desenvolvemento á hora de adoptar estratexias.

Finalmente, faise fincapé na importancia que ten o camiñar cara un poder estatal que represente os intereses dos marxinados, así como cara un poder rexional igualmente representativo e con participación suficiente para poder defender o seus intereses.

Algunhas das ideas recollidas neste texto a cerca da rexión son comparables á filosofía do desenvolvemento local, quen tamén incide na relevancia do papel que os axentes locais deben ter neste tipo de procesos.

jueves, 4 de marzo de 2010

A importancia do sector da madeira

Na entrada anterior presentouse unha visión xeral do concello de Lourenzá, agora, dada a importancia que o sector representa a nivel municipal, faremos referencia á industria da madeira.

Antes de nada dicir que, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, a superficie destinada a monte, no ano 1999, era de máis do 50% do total de hectáreas correspondentes a explotacións agrícolas, o que indica a importancia do mesmo. Previsiblemente esta porcentaxe tende a incrementarse polo progresivo abandono da agricultura e a gandería, xa que moitos dos espazos roturados antano foron repoboados nos últimos anos; sen embargo, non existen datos recentes que o confirmen.

Se prestamos atención ao volume de ocupados por sectores económicos, son os servizos os que presentan unha maior porcentaxe (37.3%), seguidos da agricultura (27.2%) e a industria (22.2%), a cal presenta unha cifra moi próxima e que se debe, fundamentalmente, a importancia da industria madeireira.

O concello conta con empresas que completan todo o ciclo de produción da madeira, dende a tala ata a súa conversión en mobles e outros útiles de madeira. Por unha banda, existen unhas 11 industrias da madeira destinadas ao serrado, cepillado, preparación industrial, á fabricación de estruturas e pezas para a construción e á fabricación de outras pezas; pola outra, hai tres fábricas de mobles, entre as que destaca Mobles Hermida S.A., pois é a empresa cun maior número de traballadores do concello -240 asalariados-. Tamén salientan os empresarios que compran e talan a madeira que logo se transformará na industria.

A abundancia e riqueza forestal da zona fai que se trate dun sector tradicional, pois a orixe de moitas desas empresas remóntase aos comezos do século XX, o que nos leva a afirmar que se trata dunha actividade que reforza o desenvolvemento local a través Saber-facer exposto en entradas anteriores.

Se a nivel municipal se trata dunha actividade fundamental, no eido autonómico está presente no Cluster da Madeira de Galicia, presidido por un empresario laurentino, e, como proba da súa relevancia, o Centro Tecnolóxico da Madeira ten previsto abrir unha oficina en Lourenzá.