Cando se pensa nas posibilidades de evolución, neste caso dun espacio, caben tres escenarios: un que poderíamos denominar “tendencial” –na liña actual dos indicadores-, outro “optimista” e, finalmente, un “pesimista”, ante isto, a pregunta é a seguinte: ¿Cal dos tres ten máis posibilidades de darse en Lourenzá nunha perspectiva de 20 anos?
Se observamos a evolución dos indicadores, fundamentalmente demográficos, situándonos nun escenario tendencial, posiblemente o resultado nos levase a unha visión máis pesimista, posto que o envellecemento é un importante condicionante para o futuro; aínda así, se ben é certo que existen debilidades que poden supeditar o que Lourenzá vai ser dentro de 20 anos, persoalmente non creo que para aquel entón sexa un municipio en decadencia, todo o contrario, posto que goza de características particulares que o fan máis dinámico que moitos concellos rurais da Mariña.
Augurar o que o 2030 lle deparará a Lourenzá no contexto de incerteza global que se está a vivir presenta gran dificultade; sen embargo, o crecemento das vilas máis importantes da comarca facilita o asentamento de xoves que viven no rural e traballan nos servizos destas cabeceiras municipais máis emerxentes. A isto hai que engadirlle que, dentro de 20 anos, a poboación envellecida que se dedica ó sector primario estará xubilada, o que seguramente leve a unha concentración das explotacións, derivando nun menor peso do emprego primario, pero seguramente cunha similar produtividade.
Na miña opinión, a localización do concello de Lourenzá é unha peza chave para a súa evolución; neste senso, dispón de factores que lle permiten conxugar a tendencia á terciarización co cada vez maior interese polas características da vida no rural. Tendo en conta todo o anterior, só resta dicir que, se ben a curto prazo é previsible un escenario tendencial-pesimista, a un medio-longo prazo posiblemente haxa indicios que permitan pensar nun escenario máis alentador ou positivo, pero namentres non pase o tempo ningunha hipótese será validada.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario