A Lourenzá do novo século





“O progreso e o desenvolvemento son imposibles se un segue a facer as cousas tal e como sempre as fixo” Wayne Dyer

“Se a información e o coñecemento son centrais para a democracia, son condicións para o desenvolvemento” Kofi Annan

viernes, 14 de mayo de 2010

¿Encaixa Lourenzá dentro do Plan Estratéxico de Galicia?

O Plan Estratéxico 2010-2014-Galicia 2020 persigue un novo modelo de crecemento sostible, que permita crear emprego e aumente a cohesión social, económica e territorial, priorizando as súas actuacións e compromisos de gasto cara a Economía do Coñecemento, a Dinamización Económica e a Sostibilidade. Como factores de competitividade a Xunta recoñece as infraestruturas, a I+D+i, as TIC, o capital humano, o desenvolvemento humano e benestar, a internacionalización e unha Administración pública moderna.

O plan asume tres prioridades: un crecemento intelixente, avanzando nun modelo económico de desenvolvemento baseado no coñecemento e na innovación; un crecemento sostible, reforzando o progreso dunha economía que faga un uso máis eficaz dos recursos, máis verde e competitiva; e un crecemento integrador, que permita un sistema socioeconómico cohesionado.

Respecto á Economía do Coñecemento, trátase de construír unha sociedade competitiva baseada na investigación e o desenvolvemento empresarial como garantía de coñecemento e promover a aplicación e o emprego xeral das TIC.

Se ben o Plan Estratéxico destaca por máis aspectos, os salientados bastan para facernos unha idea do que se quere que sexa Galicia no 2020; sen embargo, cabería reflexionar sobre a posibilidade de cumprir os obxectivos propostos e, máis importante aínda, se eses van chegar de xeito homoxéneo a toda a sociedade.

É posible que Lourenzá teña futuro, tal e como vimos na entrada anterior, pero está moi lonxe de dar o perfil que se propón no plan; neste senso, sería recomendable o traballo de formación social no que ás TICs se refire, así como na importancia e oportunidade que supón estar integrado na sociedade do coñecemento. Proba da necesidade que existe no ámbito anterior é a escasa participación e interese que esta ferramenta suscitou nos actores laurentinos como espazo de encontro e diálogo.

1 comentario:

  1. Pois ben. Pero como pode definirse un plan estratéxico local para Lourenzá? e como ves a participación bottom up no dito plan galego? pódese facer un plan como este sen a participación cidadá? non existía plan estratéxico de Galicia antes deste? se tivo en conta os antecedentes? e os acordos políticos e coa sociedade civil, empresas, etc? Como ves todo esto?

    ResponderEliminar