A Lourenzá do novo século





“O progreso e o desenvolvemento son imposibles se un segue a facer as cousas tal e como sempre as fixo” Wayne Dyer

“Se a información e o coñecemento son centrais para a democracia, son condicións para o desenvolvemento” Kofi Annan

jueves, 25 de febrero de 2010

Breve caracterización do Concello de Lourenzá

MEDIO FÍSICO
O Concello de Lourenzá, cunha superficie de 62,6 km2, sitúase ó nor-leste de Galicia, no Norte da provincia de Lugo e pertence á Mariña Central. Mapa 1

Topograficamente, caraterízase pola amplitude do seu val, de dirección SSE-NNO, o cal está rodeado de montañas de entre os 600 e os 700 metros.

Climaticamente, encádrase no dominio oceánico húmido, caracterizándose pola suavidade térmica, con temperaturas medias anuais en torno ós 13ºC, e unha alta humidade ambiental, con precipitacións entre 1.300 e 1.500mm. anuais.

MEDIO HUMANO
Demografía

Demograficamente, tal e como se pode ver no gráfico 1, Lourenzá caracterízase por unha continua perda de poboación que se remonta ós comezos do século XX e que segue nos nosos días, perdendo en pouco máis de cen anos a metade dos seus efectivos, pasando de 5.105 habitantes no ano1900 a 2.569 no ano 2008, tendo na actualidade unha densidade de poboación do 41, 04 hab./km2.


Para ter unha imaxe algo máis clara das características demográficas deste municipio é preciso observar os indicadores que se presentan na táboa 1, e que, fundamentalmente, poñen de manifesto o forte envellecemento que está sufrindo Lourenzá, así como o destacado saldo vexetativo de signo negativo.



Poderíase pensar que o saldo vexetativo negativo é algo propio xa do século XXI ou, todo máis, de finais do XX; sen embargo, este fenómeno vense dando dende 1975 como mínimo, pois carecemos de datos anteriores para esta variable. Gráfico 2


Por outra banda, o saldo migratorio do ano 2008, para o que o dato da táboa 1 é cero, cabe analizalo algo máis polo miúdo, pois o balance foi de 79 emigrantes e outros tantos inmigrantes, o que indica que estamos ante un concello migratoriamente dinámico; ademais, se nos fixamos no gráfico 3, vemos que a evolución deste indicador foi moi variable ó longo da derradeira década do século XX e da primeira do XXI e, de dispor de datos anteriores, seguramente seguirían un patrón de comportamento similar, a non ser en momentos históricos puntuais, primeiro caracterizados pola emigración masiva a América e, máis tarde, polos fluxos cara Europa Central.


Socioeconomía
Á espera de datos máis recentes e partindo dos indicadores do 2001, podemos ver que a taxa de actividade non chega ó 50%, sendo maior en homes que en mulleres, ó igual que lle pasa á taxa de paro, que ten unha porcentaxe do 6,8%. Táboa 2

Ata a entrada de España na Unión Europea e a consecuente adopción da normativa da Política Agraria Común, Lourenzá era un municipio fundamentalmente gandeiro, con agricultura especializada en cultivos para o gando, e que comezaba a modernizarse, pero, pouco a pouco, as perspectivas depositadas no sector primario fóronse truncando, deixando paso a unha economía máis terciarizada.

No ano 2001, a maior porcentaxe de ocupados rexistrábana os servizos cun 37,3%; sen embargo, a agricultura aínda ocupaba o segundo lugar cun 27,7%, seguida da industria e a construción. Táboa2

A alta porcentaxe de ocupados que no ano 2001 conserva a agricultura débese a dúas razóns fundamentais. A primeira trátase dun proceso de adaptación, xa que as grandes explotacións gandeiras que conseguiron modernizarse e mecanizarse, facéndose competitivas, de momento, foron quen de superar os atrancos impostos pola P.A.C.; a segunda, trátase máis ben dun proceso de transformación, pois todas aquelas explotación tradicionais tiveron que abandonar a gandería e buscar unha nova forma de aproveitamento da terra, neste caso a faba.

O papel da muller destaca nos servizos, onde se dedica fundamentalmente á atención social e ó pequeno comercio, pero é na agricultura de hoxe onde se fai imprescindible. Se ben as explotacións gandeiras especializadas na produción láctea están encabezadas por varóns, as mulleres están á fronte das agrícolas produtoras de fabas.

Tanto a industria coma construción, son sectores masculinos por excelencia. Dentro do primeiro destacan os serradoiros, a fabricación de mobles e a industria extractiva, sendo nesta última onde se coloca, maiormente, a man de obra inmigrante, posto que as mulleres chegadas de fora son poucas e non sempre forman parte da poboación activa.
Noutro senso, hai que mencionar o turismo de paso, atraído polo Camiño de Santiago, a Ruta Pardo de Cela, o Mosteiro de San Salvador e outras representacións de arquitectura civil coma o Pazo de Tovar, pero tamén cabe salientar o auxe do turismo rural, máis relacionado coa paisaxe e a tranquilidade da zona, así coma coa proximidade ás praias mariñáns.
A sona que cobrou a Faba de Lourenzá e, sobre todo, a Festa da Faba, puxeron en marcha iniciativas municipais como a da “Ruta da Faba”, que transcorre por entre o val no que se cultiva esta leguminosa e onde os visitantes se poden achegar ás casas dos particulares a adquirir fabas; ademais, tamén se abriu un Centro de Interpretación da Faba, este con financiamento europeo, destinado á promoción do concello e da leguminosa.

4 comentarios:

  1. Á luz dos datos, cabe facerse unha pregunta: ¿Cal vai ser o futuro de Lourenzá en 20 anos? o elevado índice de envellecemento e a contínua perda de habitantes dende o ano 1900,a pesares da emerxente presenza de inmigrantes, parecen indicar a necesidade de cambios encamiñados a atraer e fixar poboación; sendo aí onde cobran especial relevancia as actuacións locais no eido do Desenvolvemento Territorial.
    Identificar e aproveitar as oportunidades non é tarefa fácil; sen embargo, se confiamos na consolidación da "Aldea Global" é requisito imprescindible coller a tempo o tren que leva a participación na "sociedade do coñecemento".

    ResponderEliminar
  2. A situación é un tanto complexa.
    O sector agrícola e gandeiro perde peso en canto á poboación ocupada e como actividade sostible (como en boa parte do País) pero a propia Administración reforza o papel da "faba" (o concello propón actividades relacionadas, otorgaselle a DO e daselle un notable papel nos eventos de máis sona -esta semana presente no Forum Gastronomico celebrado en Compostela).
    Quizais os esforzos deberían continuar centrandose na potenciación dunha actividade que dinamice máis ao rural...
    ...tarefa doada?
    Oimos e escoitamos miles de "recetas" para salvar ao rural, pero debemos definir cal é a axeitada para cada lugar.

    ResponderEliminar
  3. Acordeime deste artigo de Guallart. Fala máis en termos urbanos, pero é interesante esa idea que as estructuras nas que habitamos son perfectamente transformables.
    Coido que podería valer como "lectura recomendada"

    http://www.elpais.com/articulo/opinion/habitat/autosuficiente/elpepiopi/20090328elpepiopi_13/Tes

    ResponderEliminar
  4. Desenvolvemento local: participación da sociedade civil na toma de decisións a través das cales se definen os obxectivos, os instrumentos, os medios e os compromisos dos suxetos implicados na promoción do desenvolvemento dun territorio (Fabio Sforzi)
    Distrito industrial: entidade socio-territorial caracterizada pola presenza activa, nunha área territorial circunscrita, natural e historicamente determinada, dunha comunidade de persoas e dunha poboación de empresas industriais (Giacomo Becattini)
    Aos traballadores-consumidores da era industrial pódenos suceder os creadores-produtores conectados da sociedade da información capaces de producir case calquera recurso de xeito local a partir dun know-how que se comparte en rede. Este é probablemente o gran cambio de paradigma, que vai transformar a economía e que debe transformar a habitabilidade do territorio. (Vicente Guallart,en lecturas recomendadas)

    Dende fai aproximadamente 25 anos, o Concello de Lourenzá ven presentando un proceso de desenvolvemento local de carácter endóxeno, baseado, fundamentalmente, no saber facer, baixo un modelo de distrito industrial. Ata o de agora, a reorientación agrícola cara a horticultura e a produción de fabas foi quen de manter o dinamismo rural laurentino, pero o novo paradigma ao que alude Guallart e que ven da man da sociedade da información, aínda non se presenta coma unha aposta municipal para a transformación territorial que menciona este autor; sen embargo, ben é certo que se trata dunha oportunidade chave.

    ResponderEliminar